domingo, 11 de marzo de 2012

DIA DA TERRA: Obradoiros e teatro ao longo do mes de abril na CIDADE DA CULTURA para concienciar a nenos e maiores sobre a importancia do coidado do medio

“Cidade de cartón” abrirá a programación ambiental do Gaiás os días 7 e 8 de abril cun obradoiro no que rapaces de 6 a 14 anos coñecerán as múltiples vidas deste material co que construirán os seus propios edificios
“Xogando co medio”, que terá lugar o 15 e 22 de abril, busca ensinarlles a nenos de 5 a 14 anos xunto aos seus pais prácticas sostibles a través de divertidos xogos e obradoiros cos que aprender a reciclar e optimizar recursos
O 28 de abril será a quenda dos máis pequenos coa sesión teatral “O día que chegou unha nube e choveu”, un espectáculo de marionetas para gozar cos 5 sentidos e cunha mensaxe clara: “Sen auga no hai vida”
O vindeiro 22 de abril celebrase o Día da Terra, unha xornada coa que se pretende chamar a atención sobre os problemas ambientais que poñen en perigo o noso planeta e que busca fomentar unha maior conciencia ecolóxica. Para conmemorar esta data, a Cidade da Cultura pon en marcha unha programación especial durante as fins de semana de abril coa que pequenos e adultos aprenderán prácticas sostibles a través de divertidos xogos, obradoiros e representacións teatrais.

Deseñando a túa propia Cidade

Esta programación ábrese o sábado 7 e o domingo 8 de abril coa actividade Cidade de cartón, un obradoiro no que rapaces de 6 a 14 anos descubrirán os múltiples usos que ten este material co que “reinterpretarán” o complexo do Gaiás. Como? Ilustrando, recortando e compoñendo edificios da súa particular Cidade da Cultura que se plasmará nun gran mural para a súa exhibición ao público. Atendendo aos diferentes tramos de idades, o obradoiro do 7 de abril está dirixido a nenos de 6 a 9 anos mentres que o do domingo 8 está pensado para rapaces de 10 a 14 anos. Ambos os dous arrancarán ás 11:00 da mañá e terán unha duración de tres horas. Cada obradoiro conta cun máximo de 15 prazas e as entradas sairán á venda mañá luns 12 de marzo enwww.servinova.com a un prezo de 3 euros máis gastos de xestión.

Xogos e trucos para coidar o planeta

Xogando co medioserá o evento que acolla a Cidade da Cultura os domingos 15 e 22 de abril. Son dúas xornadas nas que nenos de 5 a 14 anos desenvolverán toda unha serie de actividades relacionadas co medio a través das que divertirse aprendendo a ser máis sostibles. Deste xeito, Xogando co medio bríndalles a oportunidade de converterse en inspectores ambientais, crear xoguetes e agasallos para os seus amigos e familiares a partir de residuos ou ir superando probas coas que aprender trucos para coidar o planeta día a día. Ademais desta amena e divertida aprendizaxe, os rapaces serán a voz da conciencia dos visitantes que se acheguen ata a Cidade da Cultura neste mes no que o medio é o protagonista coa creación dunha árbore formada con consellos ‘verdes’ de cada un dos participantes, que se colocará nun edificio do Gaiás.
As actividades de Xogando co medio organízanse en dúas quendas para adaptar os contidos ás diferentes idades dos participantes. Así, de 10:30 a 13:30 horas estará dedicado aos nenos de 5 a 9 anos que, ademais, poderán compartir esta aprendizaxe cos seus pais, cos que debaterán como mellorar os seus hábitos diarios e, sobre todo, no fogar para non danar o medio. De 16:30 a 19:30 horas será a quenda dos rapaces con idades comprendidas entre os 10 e os 14 anos. As entradas poderán adquirirse a partir deste luns a un prezo de 3 euros máis gastos de xestión en www.servinova.com e son válidas para os dous días que dura a actividade: os domingos 15 e 22 de abril.

O valor da auga entre os máis pequenos

Os máis pequenos terán tamén o seu espazo neste mes sostible o sábado 28 de abril coa obra teatral O día que chegou unha nube e choveu. Trátase dun coidado espectáculo de pequeno formato no que, a través de marionetas, unha actriz vai narrando o que sucede cando un día a auga aparece nun lugar no que non había nada e como a vida, con todos os seus matices, fai acto de presenza. A obra, de trinta minutos de duración, está pensada para gozar cos cinco sentidos e que os nenos aos que vai dirixido, de 1 a 5 anos, non só sexan espectadores, senón que se sintan parte da historia e participen de forma activa, facilitando que cale neles unha mensaxe tan sinxela como fundamental: Sen auga non hai vida.
O espectáculo terá lugar o 28 de abril no Museo de Galicia en dúas quendas: 12:00 e 17:00 horas. As entradas poranse á venda este luns 12 de marzo en www.servinova.com a un prezo de 5 euros máis gastos de xestión. Cada entrada é dobre e dá acceso ao espectáculo a un neno máis un adulto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario